jueves, 3 de mayo de 2012

Cumpre apostar seriamente por outro tipo de monte

Sotobosque na Craveira
Con respecto ao que tanto veño en criticar, que despois do desastre de 2006 non se aproveitase para repoboar con especie autóctonas unha boa parte do monte queimado, non moi lonxe da nosa comunidade, en Asados-Rianxo, parece que foron máis por esa liña. O sotobosque que se crea onde hai carballos, castaños, etc, non ten punto de comparación co que podemos ver baixo os pinos e non digamos os eucaliptos, ademais de ser unha das mellores barreiras contra o lume.
Entre a Devesa e a Marquesa, Asados-Rianxo
Foto: Xoán Antón "txorima"
A onda de incendios que arrasou Barbanza no 2006 deixou claro que os medios para loitar contra o lume que había na comarca eran insuficientes para facer fronte a unha situación deste tipo, pero tamén puxo de manifesto a inexistencia de medidas para pór freo ao avance das chamas.

O desastre serviu á comunidade de montes de Asados para aprender a lección. O colectivo puxo en marcha un plan de reordenación da súa superficie, que inclúe a plantación de especies frondosas e a apertura dunha pista perimetral, entre outras actuacións.

Ao piñeiro e ao eucalipto que tradicionalmente poboaban os montes de Asados sumáronse outras especies, como carballo americano, nogueira, castaño e cerdeira. Trátase de árbores frondosas que evitan que o lume se estenda con rapidez. Por iso, utilizáronse ata para crear franxas de protección na contorna das vivendas e dos núcleos de poboación.

Do mesmo xeito, a comunidade de Asados abriu unha pista perimetral que delimita o monte público do privado. Ademais de cortalumes, esta vía servirá para, en caso de incendio, que os equipos de extinción poidan chegar con rapidez ao lugar do suceso.

Fonte: La Voz de Galicia

No hay comentarios: