miércoles, 6 de junio de 2012

De momento non aprobamos dedicarnos a criar porcos

É bo que os comuneiros comecen a preguntarse e a expresarse libremente sobre as cousas que non lles casan do que esta acontecendo na comunidade, mais era mellor que o fixesen nas escasas asembleas que temos, aínda que ollando como algúns lles saltan por ser tan ousados, enténdoos. De feito eu son o primeiro que agora asisto a elas só para ollar, escoitar e calar, coa excepción de que despois uso este foro para expresarme libremente. De que me valía intervir, se sempre tiñan o ás para matarme o tres.


Resulta que agora ademais dos récelos que teñen sobre si dedicarnos a criar porcos, pregúntanse que se aprobou na asemblea. Que a a dúbida partise de comuneiros quen non estiveron nela, vale, mais que quen así se exprese sexan algúns dos que asistiron, di moito da forma de como se desenrolan ou se explican as cousas.

Mais esas dúbidas podíanse clarexar no intre se como fixeron algunhas xuntas reitoras precedentes, antes de pasar ao seguinte punto da Orde do Día, lesen un resumo do recollido no borrador, ou como facía eu, expuxesen a acta publicamente dentro dos sete días seguintes á celebración da asemblea, cousa que dende a miña expulsión non se fai. A importancia de expolas despois da asemblea é vital, por exemplo, para poder impugnar un acordo un comuneiro non presente e que entenda que se vulnerou algún principio.

O que debemos ter claro é que nesta asemblea non se aprobou dedicarnos a criar porcos celtas, se non que unicamente atendemos as explicacións que nos dou o dirixente de ASOPOCEL e logo, quedouse en que a xunta reitora estudase con eles máis en profundidade o tema, e unha vez ter todo ben atado: presupostos, axudas, enclaves onde actuar, etc, convocar unha nova asemblea e alí, unha vez dadas a explicacións oportunas e respondes ás preguntas que no uso do seu dereito faga calquera comuneiro, á vista de todo iso votar libremente: si, non ou abstención, se algúns aínda seguisen con dúbidas.

De momento aproveito para traer a experiencia doutra comunidade, que ao igual que acontece nesta, hai máis xente e institucións implicadas que os comuneiros. De momento á vista da información aportada na asemblea, no noso caso seria só cousa da comunidade.

Aquí manexan unha cifra que de por si sola xa marea, e que fai que se quede en mera anécdota o motivo polo cal a xunta reitora di que rexeitou o asunto de estudar dedicarnos a facer compost co toxo. Dende logo o que non estaría nada mal e que a comunidade organizase algunha visita a zonas onde xa teñan experiencia con estes animais e que os comuneiros, non só os reitores, teñamos outra visión e valoración do que se pretende.
Petán é unha localidade da Cañiza que renace das súas cinzas. Para iso os veciños puxeron en marcha un proxecto que naceu como unha idea para loitar contra os incendios limpando a maleza dos montes, unha explotación extensiva de "porco celta", un dos produtos máis apreciados da gastronomía galega, cuxas carnes superan ao ibérico.

A parroquia, a medio camiño entre A Cañiza e os montes de Fontefría, e o límite con Covelo, ten xa 92 cabezas do prezado animal vivindo felices nos montes. "Estamos moi ilusionados con este proxecto, que fai que o pobo volva saír adiante", comenta un veciño.

Coa implicación do Grupo de Desenvolvemento Rural Condado-Paradanta (GDR) que logrou unha subvención do Plan Leader Plus para o proxecto, o concello da Cañiza, a comunidade de montes e 88 veciños particulares, o proxecto foi posible.

Segundo explican desde o GDR, logrouse involucrar á asociación de porco celta de Galicia (Asopocel) como especialistas en porcino en extensivo, e a iniciativa contou cunha subvención de 200.000 euros, que xunto coa colaboración da Comunidade de Montes de Petán, como titular e sufragador económico da contía restante, e o Concello da Cañiza, fixo posible actuar sobre unha superficie de 90 hectáreas, que foron rozadas e pechadas perimetralmente, cun total de 12 quilómetros de peche de gran solidez; incorpóranse outras infraestruturas como cabanas prefabricadas, abrevadeiros cun sistema de mangueiras para autoabastecemento de auga, mangas de saneamento para porcino; reparáronse dúas pistas, e moitas outras accións.

O presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural Condado-Paradanta e alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, considera que o proxecto é un dos máis importantes realizados na comarca.

Os porcos, que se trouxeron de Costa da Morte adquiridos en sete pequenas explotacións e foron soltados na leira, "adáptanse cunha rapidez asombrosa", debido en parte, ás condicións idóneas dos porcos, e doutra banda á execución das instalacións.

"O seguinte paso que se pretende é a produción propia de millo, remolacha, pataca e outros alimentos vexetais noutras parcelas improdutivas lindeiras, que garantan aínda mais a viabilidade do proxecto e da parroquia de Petán", afirman.
Fonte orixinal: Faro de Vigo

No hay comentarios: