viernes, 15 de junio de 2012

Un paso moi importante

Cabalos de dono descoñecido noutro peche da comunidade
O decreto aprobado onte pola Xunta para regular a identificación e o control dos cabalos, afecta tanto aos gandeiros como aos donos dos terreos onde estean acollidos.

Entre moitos puntos en común, un exemplo ben claro témolo neste paragrafo: No decreto aprobado hoxe defínese ademais cando un équido en liberdade está en situación de provocar danos, nos seguintes casos: cando estea nun predio agrícola ou forestal sen consentimento do seu propietario ou cando deambule ceibe por estradas ou por núcleos de poboación.

Se os propietarios do monte de Nebra somos os veciños-comuneiros que vivimos na parroquia, como debemos consideralos cabalos que dende fai tempo ocuparon e ocupan os nosos peches sen o noso consentimento? Aínda no suposto caso que dita autorización fose aprobada pola xunta reitora, seria ilegal, pero é que na maioría dos casos só foi outorgado por algúns comuneiros que neste intre ocupan postos de responsabilidade na comunidade, tomándose atribucións que corresponden unicamente a asemblea xeral.

Así se comenta que, mentres hai un comuneiro que como non goza das simpatías dalgún directivo e polo visto tampouco dunha persoa allea á comunidade (sic), non queren que meta os seus animais nos peches, cando como xa teño dito, autorizaron antes o seu uso a xente allea á comunidade e agora, tamén os usa algún que outro comuneiro, polo que se entende que neste caso hai unha clara discriminación.

Tampouco é normal que calquera comuneiro poida facer uso ao seu libre albedro dos peches. Non lles custa nada achegase a unha asemblea, nela explicar o seu caso e solicitar a pertinente autorización. Non obstante este será outro tema que necesitará unha reflexión moito máis profunda, porque aínda que algunha xente pense que calei noutro asunto parecido, se non dixen antes nada é porque nada sabía, e antes preciso atar cabos
A XUNTA REGULA A IDENTIFICACIÓN E ORDENACIÓN SANITARIA DOS CABALOS E A XESTIÓN DOS ÉQUIDOS MOSTRENCOS
  • O Consello aprobou un decreto do Medio Rural e do Mar que axusta á normativa nacional e comunitaria o relativo á sanidade animal, ás explotacións gandeiras e ao rexistro de movementos deste gando, con especial atención ao mostrenco
  • A norma regula de xeito innovador o réxime de responsabilidade dos danos causados a particulares polos équidos en liberdade, procurando a convivencia entre os titulares das terras en que pastan e os gandeiros propietarios dos animais e tamén unha maior seguridade viaria
O Consello da Xunta aprobou na súa xuntanza de hoxe un decreto da Consellería do Medio Rural e do Mar que regula a identificación e ordenación sanitaria dos cabalos e a xestión dos équidos mostrencos, que serían aqueles que deambulan en liberdade nos espazos agrícolas e forestais, núcleos de poboación ou vías de comunicación sen identificación e sen ter dono coñecido.

Esta norma desenvolve executivamente, de maneira axustada e axeitada á lexislación estatal e comunitaria, todo o relacionado coa sanidade animal, as explotacións gandeiras e o rexistro de movementos de gando equino, cunha especial e innovadora regulación dos mostrencos.

Con este decreto créanse as condicións necesarias para garantir o correcto desenvolvemento da produción equina en Galicia e procúrase, ao tempo, definir unha base normativa que estableza as condicións de convivencia entre os propietarios das terras nas que pastan estes animais e os gandeiros que as usan ou pretenden utilizar, e tamén unha maior seguridade viaria.

Definicións básicas
O decreto establece, entre outras, as definicións básicas de titular de explotación equina, pastos de uso común ou équido mostrenco. Regulamenta tamén a ordenación sanitaria das explotacións, con atención especial ás condicións sanitarias e de benestar animal, entre elas, de xeito expreso, o control da non utilización de instrumentos que limiten a mobilidade dos animais (“trancas” e semellantes).

A norma do Medio Rural e do Mar regula tamén todo o relativo á organización dos pastos de uso en común e ás obrigas tanto dos propietarios dos animais que os aproveiten como dos responsables dos pastos. Neste eido destaca a obriga dos donos dos cabalos mantidos en réxime de semiliberdade de subscribir un seguro civil de danos fronte a terceiros, para o cal se poderán establecer axudas desde a Xunta.

Cabalos mostrencos
En relación cos cabalos mostrencos, créase un rexistro público específico de espazos de acollida de cabalos en liberdade e establécese que os titulares destes espazos que pretendan acollelos deberán solicitar o seu recoñecemento expreso. Ademais, estes terreos terán a condición de explotacións extensivas e deberán cumprir coa normativa vixente.

No decreto aprobado hoxe defínese ademais cando un équido en liberdade está en situación de provocar danos, nos seguintes casos: cando estea nun predio agrícola ou forestal sen consentimento do seu propietario ou cando deambule ceibe por estradas ou por núcleos de poboación.

A norma á que hoxe deu luz verde o Consello da Xunta regula tamén a detección e captura dos équidos en liberdade en situación de provocar danos, concretando as responsabilidades dos titulares dos terreos e da autoridade municipal competente á hora de capturar, trasladar, manter e custodiar estes animais, deixando claro que a Administración autonómica colaborará nestas tarefas.

Información aos medios: Consello da Xunta. Páxinas 8 e 9.
Un dos cabalos ademais de estar bastante desnutrido, ten unha ferida nunha pata.

No hay comentarios: