sábado, 15 de septiembre de 2012

Ninguén tira pedras ao seu tellado

Menos mal que de vez en cando sae á luz pública algunha cacicada deste tipo, non sei se é por agochar outras maiores, ou por algo que se nos escapa das mans. Porque a dicir verdade neste tema das subvencións, hai para dar e tomar.

A verdade que xa hai que discorrer para pedir presuntamente subvencións sobre as propiedades duns paisanos, como tamén pedirlle a Medio Rural que abrise unha pista polo medio de propiedades. Ao fin, e ao cabo, se cacicada é a primeira, cacicada foi a segunda. A diferenza que hai nestes dous casos concretos, é que unha foi cometida presuntamente por xente da rúa, e a segunda, por todo un goberno.

Claro que despois cando lees un pouco comezas a entender algo: Suárez Canal engade, entre outras diferenzas, que cando el foi conselleiro non certificou nada, non plasmou a súa sinatura, senón que o fixo un funcionario coa intención de, toda vez que estaba practicamente rematada, axilizar o pago á empresa para favorecer a súa liquidez nesta época de crise. Fonte: http://bngdedodro.blogaliza.org/archives/175/

Nada teñen que ver esa verbas coa pista que menciono, pero alguén tivo que certificala e apesares de que se lle solicitou toda documentación por activa e pasiva, a resposta foi sempre o silencio administrativo. Sería tamén cousa dun funcionario?

Choca que daquela para o BNG, e excompañeiros, iso non fose «unha tomadura de pelo», como afirman neste caso que partillo. Para min aquel goberno tamén foi «irresponsable» por non depurar responsabilidades. Pero claro, ninguén tira pedras ao seu tellado.
La Voz de Galicia: A trama das subvencións forestais supera xa os 100 casos denunciados

A trama para obter subvencións de reforestación de xeito fraudulento, supostamente dirixida polo empresario vimiancés Manuel Maceiras Hermida, non para de crecer. Cos expedientes acumulados durante o verán o número de casos denunciados que obran en poder da Federación Rural Galega, o sindicato que aglutina á maior parte dos afectados, supera xa o centenar, aínda que como indica o coordinador da Fruga, Gabriel López, «poderían ser moitos máis porque hai xente que está actuando a nivel particular».

As parcelas plantadas con fondos europeos nas que presuntamente a organización falseaba desde as declaracións xuradas de propiedade ata as direccións para recibir o correo da Administración localizábanse fundamentalmente en Dumbría, aínda que os últimos casos detectados apuntan a que o problema pode ser similar en Vimianzo.

Casos esperpénticos

Neses expedientes tampouco paran de sucederse as situacións esperpénticas, como o caso dunha suposta solicitante que asinaba documentos e pagaba facturas seis meses despois de ter falecido ou a atribución totalmente aleatoria da titularidade das parcelas. Proba diso é a plantación de leiras que no rexistro catastral aparecen consignadas a coñecidas empresas enerxéticas da zona, cuxa actividade non garda relación coa explotación forestal.

A Xunta, a través da comparecencia en comisión parlamentaria do secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar, Francisco José Vidal-Pardo Pardo, asegura que, por parte do Goberno autónomo, «cumpriuse escrupulosamente co manual» e, ao tratarse dun asunto xudicializado, o que debe facer a Xunta é «calar a boca». Con todo, a portavoz do BNG na comisión, Tereixa Paz, considera esta resposta «unha tomadura de pelo» e tacha a Vidal-Pardo de «irresponsable» por non investigar o destino dunha inxente cantidade de fondos públicos.

No hay comentarios: