martes, 2 de octubre de 2012

ESPERPÉNTO E PUCHEIRAZO!!!


Así considero o resultado do amaño sobre a suposta votación do proxecto de ASOPORCEL... pero antes de nada toca recapitular para sustentar todo iso.

Perdín a conta das asembleas ás que teño acudido, de feito igual ostento o récord de asistencias, sen contar tres nas que incluso unha xuíza afirmou que estiven, cando en realidade estaba a miles de quilómetros, que xa é dicir -iso pasoulle por non ler a lista de asistentes-. Ben, isto non é o importante agora, só era por introducir unha anécdota.

A parte de que non podían celebrala asemblea por non convocala en tempo e prazo -10 días-, varios comuneiros, supoño que pola pola preza, nin a convocatoria recibiron. Observe como no concello de Noia tiveron que adialo derradeiro pleno, polo mesmo.

Se a iso lle sumamos que á hora prevista non había quórum, e que tiveron que pospoñelo comezo até as 20:25h. grazas a que minutos antes chegaron os dous derradeiros comuneiros. Que lembre neste intre, isto só pasou noutra asemblea celebrada no ano 1994, pero o máis curioso, é que naquela directiva había xente do PP, e agora do BNG.

A parte diso, dende a presidencia de José Nieto, pasando pola de Jesús Rodríguez, José Olveira (q.e.p.d) e José Suárez, XAMAIS presenciei unha asemblea onde nunha votación se vulnerase tan descaradamente a legalidade vixente e iso que ollei boa sintonía da xente para aprobalo punto. É certo que no caso de Jesús Rodríguez e José Suárez fun moi crítico coa súa xestión, pero por outras cuestións, nada similar ao presenciado o sábado día 15.

Resulta que o presidente, despois de expoñelo punto así moi de pasada onde apenas se clarificou algo, nesta ocasión non acudiu ningún representante de ASOPORCEL -cousa que non entendo, porque a asemblea prevista para o día 2, e que suspendera por falta de quórum, si acudiran-, sen apenas intervencións dos presentes, solicitou sen máis votos a man alzada, supoño que para controlar así mellor á xente, se non, non se entende.

Cando unha maioría correu a levantala man, saltou no medio do público a voz dunha comuneira indicando que o máis normal seria votar por papeleta. Isto é algo que leva anos aprobado pero se entende que cando non interesa optase mellor polo voto controlado.

Xa digo, ollándose a simple vista que a maioría dos presentes estaban pola labor de aprobalo punto, en vez de aproveitar e facelas cousas ben, foi cando comezaron a fragualo esperpéntico pucheirazo. De primeiro atopámonos que non tiñan papeletas para votar -sendo o secretario sempre tiña á man tacos de apuntes para poder facelo-, polo que tiveron que andar a recortalas de varios folios, e logo, en vez de ir dando lectura a lista de asistentes, como se fixo sempre para votar na mesa, non, unha directiva colleu unha caixa de cartón pasándoa polo medio dos presentes para que tirasen o voto nela.

Algo así é como teño entendido que se fai aló nas américas cos emigrantes, onde votan incluso os mortos, aquí si que non votaron, pero si que o fixo algún que non estaba inscrito, fun testemuña por estar na entrada porta de entrada e fronte á mesa. Do que non me decatei, pero díxomo un vogal, é que dunha casa votaron presuntamente dous.

Pero, por que optarían por este esperpento? Supoño que porque antes da votación, algúns comuneiros, como acontece sempre, xa se marcharon, polo tanto, como comezaron co quórum raspado, deron en supor que na votación xa no había e polo tanto, terían que suspendela asemblea, deste modo foi como na miña apreciación se cometeu o pucheirazo.

Tres asembleas precisamos para aprobalos bancos da igrexa, porque nas dúas anteriores, o presidente logo de mareala perdiz porque non estaba pola labor, conseguiu que os presentes fuxisen astiados da reunión, e ao chegar a hora de votar con papeleta, na mesa e en furna, como non había quórum, nesas ocasións si que non lle importou suspendelas.

Estes días antes de que colgasen a nota da excursión para comprobar como se desenrola en A Cañiza esta experiencia, falando con algunha xente, non entendían como antes de debatelo punto, non fixeron precisamente iso. Alguén se imaxina, por exemplo, comprar un coche antes de probalo? Sinceramente, a min isto agora paréceme o mesmo.

Todo o mundo entenderá que esta visita a destempo non é para amosarnos como coidalos porcos, porque máis ou menos todos chegamos a crialos. Ben, algún igual si precisa asesoramento, porque xa dixo que ía coller un, esquecéndose que no seu día desentendeu totalmente de dous. E para a degustación, que mellor habela feita o día da asemblea e igual se superaba con creces o quórum. De feito no Son xa houbo unha en agosto.

Que conste, que non estou en contra da iniciativa, de feito xa teño comentado que bebía da experiencia doutras comunidades non dedicadas precisamente á cría de porcos, pero si a controlalo mato con outros animais, pero daquela o presidente nunca tivo tempo para iremos visitar esas comunidades, algunha non tan lonxe, como era unha en Carnota.

No hay comentarios: