martes, 18 de febrero de 2014

Zafamonos dunha boa!!!

La Voz de Galicia: Os comuneiros de Muro abonaron uns 5.000 euros polo IBI da casa de cultura

A casa de cultura de San Pedro de Muro está nunha maraña burocrática na non queda do todo claro a quen pertence a pesar de ser unha construción municipal. Foi o Concello de Porto do Son o que a levantou, hai xa algúns ano, pero o fixo en terreos dos comuneiros e en virtude dun convenio que non se cumpriu e, polo tanto, a cesión dese chan non se formalizou. Para máis inri, é a comunidade de montes a que debe facer fronte ao pagamento do imposto de bens inmobles (IBI). A pesar dos esforzos desta entidade por regularizar a situación desde o 2008, non puido evitar ter que desembolsar case cinco mil euros o ano pasado polo IBI.

O peor é que o asunto aínda non está solucionado e os comuneiros esperan a chegada en calquera momento dun novo recibo, que no 2012 ascendeu a máis de mil euros. Por esta razón, a comunidade de montes insiste en que se atope unha saída a esta situación canto antes: «Temos moi poucos recursos, non temos eólicos nin madeira para cortar e non podemos seguir asumindo isto».

Sobre todo, explican, cando o edificio é de titularidade municipal. De feito, a avultada cifra que a entidade tivo que pagar o ano pasado correspondía ao IBI desde o 2008, xa que se solicitaron diversos adiamentos coa esperanza de gañar tempo para resolver a situación. Así mesmo, solicitouse unha exención do pagamento deste imposto, pero non se respondeu á súa solicitude: «Xa non sabemos que facer para que nos fagan caso», sinalaban desde a comunidade de montes.

Antecedente

Non é a de San Pedro de Muro a única casa de cultura sonense que se ve nesta situación. A de Caamaño tamén se atopaba na mesma tesitura, pero hai un ano formalizouse a cesión do terreo ao Concello sen que os comuneiros tivesen que pagar nin un euro de IBI. Neste caso, en cambio, xa se abonou unha importante cantidade que, visto o visto, seguirá aumentando.

Doutra banda, a entidade de montes tamén denuncia o estado de «abandono» no que se atopa o edificio cultural de San Pedro, que sofre actos vandálicos e suma cuantiosas deficiencias. O Concello realizou algunha mellora recentemente, pero non foi suficiente e «parece que o teito pode caer en calquera momento».

No hay comentarios: