sábado, 14 de marzo de 2015

Presidentes que cumpren cos comuneiros e comuneiras

Á vista da convocatorias que achego, Baroña xa celebrou a súa Asemblea Ordinaria, Miñortos e Xuño celebraran as súas o domingo día 22, mentres nós levamos 22 MESES, sen celebrar ningunha. Igual é que somos cidadáns de segunda e non temos pedigree para este IMPOSTOR, que nos toca sufrir.

Outro dato importante é que sen excepción ao contrario que aquí as convocatorias fanse tal e como ditamina a Lei, con 10 días de antelación.

Recupero esta entrevista a Ánxela Franco portavoz municipal do BNG en Porto do Son, no Xornal Dixital ​Muros e Noia, no que colaboro esporadicamente.

«A maioría absoluta deste goberno eliminou os plenos municipais polo que a actividade política municipal practicamente non existe: a veciñanza non ten posibilidade de participar nin pode coñecer a postura dos distintos grupos políticos e impiden o labor da oposición, en resumo, secuestraron a política municipal. O alcalde non ten experiencia ningunha e fai o que lle mandan».

O alcalde non eliminou os plenos municipais, porque se non xa estaría inhabilitado. Seguramente a Ánxela fóiselle a "olla" e en realidade estaba falando do seu colega en Nebra, que SI eliminou as Asembleas Xerais e as reunións da Xunta Reitora, por iso a veciñanza non temos a posibilidade de participar no futuro da NOSA COMUNIDADE nin poder coñecer os presuntos "amaños" que fai ás nosas costas... El si que ten secuestrada a comunidade.

Desde logo eu non me atrevo a facer o tipo de grave acusación que fixo na 3ª pregunta, xa que non son xuíz. Son un simple retranqueiro ao que lle gustan os refráns e por iso pregunto: Pensa o ladrón que todos son da súa condición?

Centrándome nas Ordes do Día destas comunidades:
1º.- Van presentalas contas do 2014. Nós nin coñecemos as do 2013.
2º.- Presentan plans de orzamento para o ano. Aquí non se sabe o que é iso.
3º.- Baroña e Xuño solicitan autorización para cortas. O 20 de xaneiro subín as fotos desta corta que non foi aprobada en asemblea, porén xa antes fixeron esta outra no linde con Noal, ao pé da pista que sobe a Sendia.

No hay comentarios: